quinta-feira, 8 de abril de 2010

Black Label New York

Alucinante! Só así se pode describir ao movemento Black Label New York.

Por que esta peña sae a rúa coas súas bicis? porque ás veces deberiamos reapropiarnos da rúa en vez de ser constantemente pisados por coches e motos fedorentas, porque as bicis mutantes teñen VIDA, porque en BCN se necesita máis vandalismo e máis sutil...

Queremos invitar a todos os amantes das bicis, do fixing e das cousas raras a que traian as súas ferramentas e creen novas bicicletas alternativas xunto cos membros do gang Black Label. Ao final do taller o que teredes creado será voso e poderedes facer con el o que queirades, montalo, perdelo ou botalo contra os todoterreos! Unha vez rematado o taller, montarémonos nas bicis transformadas e lanzarémonos á rúa a conquistar a cidade, ata chegar ao lugar do combate final.

Aquí tedes un vídeo sobre as súas accións en Barcelona durante o festival de febreiro de "The influencers".





Bookmark and Share

terça-feira, 6 de abril de 2010

O nocivo mito dun deus chamado automóbil

Autor: Manoel Santos (Biólogo e fundador de Altermundo)

Que o capitalismo, quer na súa forma máis "regulada", quer no bárbaro formato das dúas ou tres últimas décadas –léase neoliberalismo– é o meirande inimigo do planeta, e xa que logo da vida no seu conxunto, é algo que non parece admitir discusión. De feito, o neoliberalismo non é máis que a evolución lóxica da ambición enfermiza do capitalismo.

Entre outras moitas cousas, os datos da nosa pegada ecolóxica apuntan a que hogano a humanidade xa superou con creces a biocapacidade do planeta, ou o que é o mesmo, as posibilidades de que a Terra poida achegar os recursos non renovábeis necesarios para manter a nosa civilización da opulencia –dun poucos–, e que á vez sexa quen de soportar os infinitos refugallos que producimos. Chuchamos do planeta como se dispuxéramos de 1,3 Terras, o que, amais de esnaquizar de vez este globo celeste que mantén a vida, tamén fai cada día máis inviábel o desenvolvemento das xeracións vindeiras. Se todos os habitantes do orbe viviran como os europeos precisariamos 3 Terras, e para vivir como os norteamericanos até 7 planetas. Témolos?

Asemade, a vida dos homes e das mulleres do mundo vai empeorando co avance do capitalismo e a súa cultura do crecemento económico, a súa obsesión por aumentar sen límites a produción e o conseguinte consumo. Amais de traer máis infelicidade –as porcentaxes de cidadáns que se declaran felices e satisfeitos é cada vez menor–, hai datos de peso, a moreas, que axudan a comprobar que o neoliberalismo redundou no prexuízo da meirande parte da poboación mundial. Se en 1960 a fenda entre o 20% máis rico do planeta e o 80% máis pobre era de 1 a 30, hogano é de 1 a 80. Non é xustificábel baixo ningún prisma que, ao amparo desta ditadura do financeiro, as 3 persoas máis ricas do planeta teñan unha fortuna superior ao PIB total dos 48 países máis pobres, ou que o patrimonio das 15 persoas máis millonarias do mundo supere o PIB de toda a África subsahariana

Coches e capitalismo

Cortar polo dereito co capitalismo, atacando os seus piares fundamentais para construír unha nova sociedade baseada na mesura, na sobriedade, na vida cooperativa, na autoprodución, no reparto equitativo dos recursos, no imperativo de coidar o ambiente sobre todas as cousas, parece hoxe máis urxente ca nunca. Si, falamos dunha sociedade en decrecemento. E para iso cómpre, amais de construír, tamén deconstruír, rachar cos alicerces dun sistema tan danoso como inxusto e perigoso.

A (in)cultura do automóbil constitúe un destes piares do terror. Como escribiu Carlos Taibo no seu penúltimo e máis que recomendábel libro (En defensa del decrecimiento. Catarata, 2009), "nada retrata mellor as miserias do irracional modelo económico e ecolóxico que padecemos que o automóbil". O sociólogo vasco Justo de la Cueva apunta no mesmo camiño: "o fordismo rizou o rizo do capitalismo fabricando aos seus proletarios como compradores e facendo do automóbil un dos motores clave do capitalismo no século XX". Efectivamente, se Etienne Lenoir e o seu motor de combustión interna, Nikolaus Otto e os seus catro tempos, Karl Benz e o seu coche de tres rodas e Rudolf Diesel e os seus combustíbeis pesados puxeron as bases; Henry Ford foi quen, para a nosa desgraza, aplicou esas pesquisas ás escravizadoras cadeas de producción en masa, dando alimento ao sistema económico máis nocivo da historia da humanidade.

Os máis de 800 millóns de coches do planeta son un dos principais contaminantes –o 60% da contaminación atmosférica é producida por vehículos– e por suposto emisores de gases con efecto invernadoiro. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), son ademais a primeira causa de mortalidade nos países industrializados e unha das dez máis importantes do mundo, provocando máis decesos en 100 anos que todas as guerras da historia. Só por mor dos accidentes de tráfico morren 1.200.000 persoas cada ano e hai uns 50 millóns de feridos. Moitos gravísimos de por vida. Pero iso non é todo, a propia OMS di que por cada persoa morta nun accidente de tráfico, outras tres perden a vida a causa da contaminación emitida polos coches.

Unha adoración irracional

Diante destas terríbeis cifras, como nos podemos explicar entón a adoración consumista de que son obxecto os coches na nosa sociedade? Basicamente porque ao sistema imperante, que co emprego da publicidade –sexista as máis das veces– logra dominar corpos e mentes á mantenta, impórtanlle ren as persoas e o planeta fronte os réditos do capital. A industria automobilística move, a nivel mundial, un volume de negocio duns dous billóns de euros. Por si soa sería o sexto país máis rico do mundo. Se a isto engadimos que proporciona máis do 5% dos empregos asalariados, que son básicos para o mantemento da cohesión do capitalismo e das indecentes ganancias monetarias duns poucos, concluiremos que a dita industria é sen dúbida un dos grandes apoios do sistema-mundo.

No entanto, malia que os coches contribúen coma case nada ao incremento do PIB dalgúns países, iso non significa que supoñan tanto progreso como nos venden. Amais dos anteditos datos de mortalidade e contaminación, obrigan ao emprego de inxentes cantidades de cartos para o seu mantemento. O propio Taibo indica que a miúdo levan o 30% do orzamento das familias, malia que, cando menos no medio urbano –onde o máis común é ver unha persoa en cada coche–, malamente se moven con velocidades superiores aos 20 quilómetros por hora, rexistros moi inferiores aos dunha bicicleta. Mesmo hai quen postula que ao contabilizar o tempo vital que perdemos na vida traballando para pagar o noso automóbil, o seu seguro, as súas reparacións e o combustíbel que engole, a velocidade media que nos proporciona nos desprazamentos baixa até os 6 quilómetros por hora.

A isto habería que engadir o feito de que o automóbil foi roubando paseniñamente espazos á vida das persoas, dedicándose a eles até o 60% da superficie nas cidades occidentais. Volvendo a Justo de la Cueva: "o automóbil devora a cidade, faina incómoda e invivíbel, destrúe espazos fértiles irreemprazábeis e ademais dexenera en inútil ao crear unha crecente carencia de espazo, atascos insuperábeis e aparcadoiros imposíbeis".

A necesaria saída e superación do capitalismo precisa urxentemente o derrube do mito do automóbil, e mais cando comprobamos que non parece factíbel –por tecnoloxía e por ausencia de tempo– que os chamados "vehículos verdes" sexan un substituto realista. No canto de dedicar inxentes cantidades de cartos públicos e numerosísimos esforzos de mobilización social e sindical ao mantemento desta industria, deberiamos ir pensando en como substituíla. Por exemplo, coa produción de vehículos para o transporte colectivo ou mesmo, como postula o italiano Maurizio Pallante, reconvertendo moitas fábricas de coches noutras para facer aparellos de recuperación de enerxía por coxeneración, cuestión tecnoloxicamente doada, viábel e claro, moito máis ecolóxica.

Bookmark and Share