quinta-feira, 30 de setembro de 2010

Ciclistas retidos pola policía na xornada de folga xeral

Máis de cen ciclistas convocados por Rompamos el Silencio (RES) foron retidos de xeito ilegal durante 3 horas pola Policía Nacional na mañá do 29 de setembro, cando se encontraban reunidos no parque Enrique Tierno Galván. Rompamos o Silencio pretendía contribuír á xornada de folga xeral paralizando unha das arterias principais de Madrid, a vía de circunvalación M-30. Mentres tanto, outros catro activistas de Rompamos el Silencio descolgaban unha gran pancarta sobre a mesma vía á altura de Ponte de Vallecas, na que se podía ler Polos nosos dereitos, paremos o capitalismo". Finalmente os 120 ciclistas, tras o asedio sufrido pola policía durante as tres longas horas, lograron poñerse en marcha colapasando o tráfico polas rúas de Méndez Álvaro, Atocha, Alcalá, Castelá, e de novo Atocha, para finalizar o percorrido nas portas do Centro Social Okupado Casablanca.

Rompamos o Silencio xa anunciara días antes a súa intención de participar na folga xeral, co obxectivo de denunciar a recén aprobada Reforma Laboral e, a futura, das pensións, pero non só. Tamén o marco político e económico no que estas suceden: a ofensiva neoliberal que baixo o pretexto da crise segue afondando a imposición dun sistema antidemocrático dominado polas grandes institucións financeiras, polos mercados e polos grandes capitais.

Nun comunicado posterior, Rompamos el Silencio xustificou o seu intento de ocupación da M-30 como "a apropiación temporal dun espazo simbólico do crecemento urbano-capitalista da cidade de Madrid". Unha acción na que os activistas pretendían "frear cos seus corpos a máquina de insostibilidade que representa o actual modelo político e social, apoiando a folga xeral e demostrando que as raíces da crise actual son máis profundas do que parecen; polo que as respostas deben ser estruturais".
















sexta-feira, 10 de setembro de 2010

IV MASA CRÍTICA GALEGA EN VIGO

Un ano máis chegan as datas da Masa Crítica Galega, desta vez en Vigo.

Que é a Masa Crítica? Trátase dunha "coincidencia organizada" de ciclousuarias/os que realizan un paseo colectivo pola cidade. Deste xeito preténdese visibilizar o uso da bicicleta como medio de transporte, animando ao seu uso e reclamando medidas para promocionar este medio de transporte.

Porque galega? O movemento da masa crítica naceu en San Francisco en 1992, e desde fai anos celébrase en diferentes cidades galegas. A celebración desta masa crítica galega con periodicidade anual pretende axuntar esforzos, poñer en contacto as/os diferentes cicloususarias/os, reclamar infraestruturas de comunicación entre as diferentes poboacións, intermodalidade con outros medios de transporte, etc. E tamén vivir unha experiencia única coa posibilidade de unir diversión e reivindicación, que é o motor das masas críticas en todo o mundo.

Cando? A masa crítica celébrase en Vigo o sábado 25 de setembro de 2010 con saida dende a Praza América ás 18:30. (ver ruta). Durante todo o día haberá actividades paralelas.

Ciclousuari@s de Lugo asistirán, para confirmar a vosa asistencia enviade un e-correo a masacriticalugoarrobagmail.com, indicando o voso nome e un número de teléfono para contactar e poder distribuírnos en diferentes medios de transporte (autobús, a priori).

Anímate a participar deste evento único! Porque a bicicleta é o futuro! Usa a bici!

Bookmark and Share